Venvida

Benvidos ó Blog das familias do CEIP "A Cristina" de Carballo, sentídevos cómodos, estades na vosa casa.

miércoles, 1 de mayo de 2013

A Federación de ANPAS de Centros Públicos da Costa da Morte contra a LOMCE

http://www.fedanpas.org/2013/05/continuamos-coas-charlas-debate-sobre-a-lomce-e-caminamos-cara-a-xornada-de-folga/
Segundo imos avanzando no tempo, máis persoas e anpas están interesadas en coñecer os contidos da LOMCE. Xa dedicamos varias xornadas a explicar e debater sobre este terríble anteproxecto chamado Lei de “Mellora da Calidade no Ensino”. Estivemos en Carballo, Zas, Betanzos…
Onte celebramos as xornadas na Laracha, en colaboración coas anpas “O Acevo” do Otero Pedrayo e “Manuel Murguía” do IES Agra de Leborís. Cando comezamos había unhas 55 persoas e aos 15 minutos superamos o centenar de asistentes.
Que significa isto?
que son moitas as nais e pais preocupadas pola aprobación deste proxecto antieducativo, contrario aos intereses das nosas fillas e fillos, das familias e dos profesionais do ensino. Entendese o lóxico malestar das persoas asistentes e participantes no posterior debate, ao comprender o seu significado  (sacar do ensino ao alumnado das familias sen demasiado poder adquisitivo).
Como dixeron a Loli  Fenández e María Rei (presidenta da anpa do IES da Laracha e  ponente, respectivamente) o obxectivo da charla é informar do que se pretende aprobar con esta lei. Pero non debemos quedarnos só coa preocupación, debemos crear a suficiente masa crítica para impedir que traten ás nosas fillas e fillos como ovellas camiño á desescolarización.
Nós non paramos, seguiremos celebrando máis conferencias: Arteixo, CEE, Vimianzo…e participaremos nas manifestacións e concentracións organizadas pola Plataforma Galega en defensa do Ensino Público. Nas nosas comarcas están convocadas dúas concentracións para a xornada de loita do 9 de maio, en Carballo e CEE, ás 11:30 horas. Temos razóns dabondo!
Non vos quededes na casa. Estes ataques contra o ensino público, contra o futuro das nosas fillas e fillos non debe adormecernos, debemos REBELARNOS!